Fotografía nocturna. Practicando.

A fotografía nocturna é toda unha experiencia. A moitos nos gustaría dominala, pero non é fácil. De todos os xeitos e a pesar do mal tempo decidinme a facer unha primeira incursión. Espero que a primeira de moitas.

Dous foron os escenarios escollidos, a Torre da San Sadurniño e  As ruinas de Santa Mariña, en Cambados. Da Torre non tiven resultados, debido a ausencia de lúa e á falta de práctica, o que fixo que me decidise polo outro típico escenario Cambadés con algo máis de luz, As ruinas.
Estes foron os resultados.

Ruinas de Santa Mariña

ISO 100
f 3.5
V 15 segundos
3 disparos de flash no interior.

Ruinas de Santa Mariña

ISO 100
f 6.3
V 60 segundos
2 disparos de flash no exterior
3 disparos de flash no interior

Cambados: Pazo de Fefiñáns

Un dos espazos emblemáticos de Cambados é a Praza de Fefiñáns. O 17 de setembro de 2012, o Diario Oficial de Galicia publicou o decreto que lle outorgaba a consideración de Ben de Interese Cultural ó conxunto formado polo Pazo, xunto coa súa horta e o bosque, e a igrexa de San Bieito, máis non así a propia praza.

En Click Cambados queremos celebralo divulgando unha das fotografías máis antigas que se coñecen da praza, de autor descoñecido e con data do ano 1910. Descoñecemos a identidade do autor.

Fotógrafos: José Bellver (1896-1968)

Arco de Fefiñáns

José Bellver Álvarez, nado en Ponferrada en 1896 e finado en Pontevedra en 1968 foi un xuíz e fotógrafo afeccionado, recordado polas súas fotografías e gravacións cinematográficas de Galicia na primeira metade do século XX.

Maila nacer fortuitamente en Ponferrada, por mor dunha viaxe dos seus pais, durante os primeiros vinte anos da súa vida residiu en Madrid. Alí cursou o bacharelato e carreira universitaria. O 18 de xuño de 1925, un ano despóis de que o destinaran a Galicia, casou con Antonia García-Alix.

Bellver licenciouse na Facultade de Dereito da Universidade Complutense. Logo de obter o cargo de xuíz, en 1924 foi destinado a Cambados, onde permaneceu ata o 1933, vivindo durante esa época no Pazo de Ulloa. Durante estes anos naceron os seus cinco fillos; Carlos, María del Carmen, Mercedes e Francisco José. É nesta época de residencia en Cambados cando realiza o groso da súa producción.

Despóis desta época foi destinado a Caldas de Reis, onde só estivo ata o 1934, e durante o cal se desprazou ocasionalmente ata Ortigueira. Logo deste lapso asentou en Redondela, onde resideu ata o 1940. Nesta vila nacerou os seus fillos Ramiro, José Ángel e María del Pilar. Durante este periodo desprazouse en 1939 ata Albacete como Auditor de Guerra. Finalmente trasládase ata Pontevedra, onde foi nomeado maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra, residindo a partir daí na capital da provincia. Durante os anos 60 padeceu arterioesclerose, finando en 1968.

Traxectoria artística

1) Fotografía

Afeccionado á fotografía, caracterizoue por un estilo etnográfico e costumista. A súa obra caracterízase por cinco grupos temáticos; paisaxe, retrato, tipos populares, arquitectura, e o mar, sendo este último tema o máis abundante.

No ano 1926 obtivo o diploma de honra nunha exposición celebrada no Centro de Galicia en Madrid. En 1944 publicou unha colección de postais co nome Estampas Gallegas, editadas polo libreiro pontevedrés Luís Martínez Gendra. Colaborou con varias revistas gráficas, como Sonata Gallega, Industrias Pesqueras ou Vida Gallega. Realizou exposicións en Vigo e Pontevedra, e no 1946 é socio fundador da Agrupación Fotográfica Gallega, da que foi o primeiro presidente. Bellver, tamén pintor afeccionado, en ocasións retocaba os negativos, ou ben pintaba sobre as súas fotografía.

No ano 1984 a Deputación de Pontevedra publicou unha escolma das fotografías realizadas entre 1920 e 1950. Parte da súa obra consérvase no Museo de Pontevedra.

2) Gravacións

Bellver empregaba nas súas gravacións unha cámara Pathé Baby. Na actualidade, consérvanse tres horas de gravación realizadas entre 1929 e 1932, repartidas en vintenove latas. Ditas latas permaneceron no esquencemento durante décadas, ata que os seus herdeiros as descubriron nun baúl na súa vivenda en 2009. Algúns dos lugares recollidos son a Porta do Sol en Vigo, a Praza de Mazarelos en Santiago de Compostela, ou a Armada inglesa atracando no porto de Vilagarcía de Arousa.

Xunto coas escenas de Galicia, Bellver rodou, en compañía duns amigos, unha curtametraxe de ficción sobre unha historia de amor non correspondido.

O realizador Xes Chapela estrenou en decembro de 2011, no Centro Galego de Artes e Imaxe, o documental Milímetros. Nel mistúranse as gravacións de Bellver con outras sobre os mesmos lugares, realizadas na actualidade.

Exposición en Cambados

Esta tarde ás 20:00, no Pazo de Torrado, ubicado na Rúa do Príncipe, Cambados (mapa), inaugúrase a exposición fotográfica Fotografías de José Bellver, 1920-1950, composta por 62 imaxes. Algunhas das imaxes aparecen recollidas no recomendable blog Fotos antigas de Cambados.

Técnica: a regra dos tres terzos

Á hora de encadrar unha imaxe, é aconsellable respetar a regra dos tres terzos. É sinxelo; para que unha imaxe resulta harmónica á vista, hai que dividila en tres franxas horizontais e outras tantas verticais (nove cadrados ou rectángulos). Facede a proba con esta imaxe.

Paisaxe en Forcarei. Autor: Iago.

Paisaxe en Forcarei. Autor: Iago.

A que é doado saber onde están esas divisións? En horizontal está o chan; a vexetación e os montes ao lonxe; e o ceo. En vertical, xa non se cumpre tanto; ambos lados do valado, e o espazo co camiño; se ben este terzo central ocupa máis espazo que os laterais.

As liñas verticais e horizontais xúntanse nos chamados puntos fortes. Neses catro puntos é onde instintivamente prestamos máis atención. Na imaxe que poñemos de exemplo, eses puntos fortes son as partes superior e inferior das dúas estacas que delimitan o peche.

Fotógrafos: Quico Álvarez (1968)

Fotógrafos: Quico Álvarez

Panorámica da desembocadura do río Umia, en Cambados, polo fotógrafo Quico Álvarez Vidal (Tarragona, 1968). O seu interese pola fotografía remóntase ó 1987, posteriormente estudia no Instituto de Estudios Fotográficos de Cataluña, e comenza a súa carreira profesional cun reportaxe en Croacia e Bosnia no 1992. Máis información na súa páxina.

Colaboración: Muelles, de Daniel Chapela Cordeiro

 

Daniel Chapela Cordeiro achéganos imaxes representativas dos diferentes peiraos nos que pasou parte da súa infancia e que hoxe en día están abocados a desaparecer. Estas pertencen ao seu proxecto personal Muelles. Podedes ver o seu traballo completo aquí.

Aquí a súa explicación:

“¿Que acontece cando sabemos que algo vai desaparecer? ¿Cando entra nunha etapa de decadencia e decatámonos de que é irremediable a volta atrás, quedando como un recordo, unha sombra do que foi?

Nese momento, cando te decatas de que está a rematar comezas a ver cara a atrás, a recompilar eses recordos prezados, collendo forzas para o adeus definitivo.

Algo parecido é o que me acontece cos peiraos, a desaparición destes, é cada vez é máis acusada, moitos deles por falta de uso, outros porque quedarán incluídos dentro doutros moito maiores e con usos totalmente distintos.

Dende a miña infancia pasei días e días, pescando, xogando ou simplemente tomando o sol e charlando nun destes peiraos. Ao ver que cada vez desaparecen e faise máis difícil encontralos doume conta das sensacións que me transmitían e aínda hoxe en día me seguen transmitindo. Cando estás nun destes sentes unha sensación de calma, sosego, plenitude e admiración.

Recordo os días no peirao, o sol, a brisa e o mar, aquel arrecendo a mar que o enchía todo, días de felicidade. Os días de tormenta amplificabanse vendo o mar picado, as ondas chocando contra as rochas, as nubes negras, creando un ambiente sublime que me deixaba impresionado. O adeus é inevitable pero sempre  quedaranme os meus recordos, as miñas imaxes que agora comparto, imaxes que mostran algúns dos poucos peiraos que quedan e aqueles tesouros que nos podemos encontrar neles, esas arandelas de amarre, as cordas, as redes que co paso do tempo avellentan xunto ao seu dono, o peirao. Un envellecemento que o leve talvez  ao seu final pero que parece embelecelo cada día que pasa.

Será un adeus, pero non de todo real, pois sempre estarán na miña memoria.”